DOCE de NADAL: Crema de turrón e nata con galletas do Nadal
Traduce el texto/Translate
Receita sen glute de Lidia Filgueira de «Disfruta Sin Gluten» para Benboa.
INGREDIENTES
Crema de turrón (4 copas)
- 1 tableta de turrón Jijona
- 500 ml. de nata de repostería
- 3 ovos
- Azucre ao gusto
- Améndoa crocante e grosella vermella para decorar
Galletas do Nadal (24 galletas)
- 60 gr. de améndoa moída
- 40 gr. de cacahuete en po
- 100 gr. de fariña de arroz
- 8 dátiles
- Xenxibre en po, canela, noz moscada
- 5 onzas de chocolate (85% de cacao)
- 1 cullerada pequeña de aceite de coco
ELABORACIÓN
Crema de turrón e nata
- – Separar as xemas das claras.
- – Mesturar o turrón partido, 200 ml. de nata e as tres xemas e triturar ata que quede unha crema.
- – Quentar a crema a lume lento para que espese un pouco, sen que chegue a ferver. Retirar do lume e amornar.
- – Bater as claras a piques de neve. Mesturar as claras coa crema de turrón con movementos suaves e envolventes. Deixar arrefriar na neveira.
- – Bater a nata restante con azucre ao gusto e montar as copas con nata e crema de turrón. Decorar con anaquiños de améndoa crocante e grosella vermella.
Galletas do Nadal
- – Partir e remollar os dátiles en auga quente durante 10 minutos. Triturar cun pouco de auga.
- – Engadir un chisco das especias á améndoa, o cacahuete en po e a fariña de arroz. Incorporar a pasta de dátiles e amasar. Gardar a masa na neveira durante 30 minutos.
- – Estirar a masa cun rodete sobre un papel sulfurizado e facer figuras cos moldes do Nadal para galletas.
- – Introducir no forno prequentado a 180º C. e asar durante 15 minutos. Retirar e deixar que arrefríen.
- – Derretir as onzas de chocolate cunha cullerada pequeña de aceite de coco e bañar as galletas.
¿Dúbidas, resultados, agradecementos? Anímate a deixar un comentario nesta receita de Lidia!
A nosa colaboradora é Lidia Filgueira de…
"Disfruta sin gluten"
Chámome Lidia e non, non teño formación en cociña. Estudei Dereito, mais deléitome creando receitas naturais e saudables que intento sexan sinxelas e rápidas.
Diagnosticáronme a celiaquía hai case 40 anos. Dende entón, e a pesar dos poucos productos e do escaso coñecemento que había, a miña nai sempre se preocupou por atopar receitas sen glute. Gústame a cociña galega e utilizo produtos locais e de tempada. Tamén innovo con diferentes texturas e alimentos sen glute.
Agardo que vos animedes a cociñar e que o resultado vos pareza delicioso.