A Ruta Traslatio: Ruta Xacobea marítimo-fluvial polo mar de Arousa e o río Ulla

Traducir texto

Autor/a: Alba Campillo Gómez

Un dos tesouros máis prezados de Galicia, declarado Patrimonio Mundial da UNESCO
en 1993 e o primeiro Itinerario Cultural do Consello de Europa en 1987, é o Camiño de
Santiago. Todos coñecemos o popular Camiño Francés –ruta máis transitada do
Camiño– ou os diversos itinerarios que transcorren polo norte peninsular, pero un non tan coñecido é a Ruta Traslatio, a Ruta Xacobea marítimo-fluvial polo mar de Arousa e o río Ulla.

Ruta Traslatio

A peregrinación a Compostela baséase na presenza na Catedral da tumba de Santiago Apóstolo, que foi trasladado dende Xerusalén a Galicia por mar. Isto é o que se coñece como Traslatio, de forma que a ruta homónima trata de conmemorar este importante fito na historia do Camiño. En 1999 foi considerada de interese cultural e galego pola Xunta de Galicia, e algúns considérana o primeiro dos camiños xacobeos. Cada ano, entre os meses de xullo e agosto, lévase a cabo unha procesión marítimo fluvial que comezou a celebrarse nos anos 60, co nacemento da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla. Nesa mesma época, colocáronse 17 cruceiros en puntos clave para balizar e sinalizar a ruta, facendo desta o único viacrucis marítimo de todo o mundo. Partindo de diferentes portos da ría de Arousa, as embarcacións participantes diríxense a Pontecesures e Padrón.

Percorrido

A Ruta Traslatio confórmana 22 concellos das provincias de Pontevedra e A Coruña, existindo a posibilidade de partir de dous puntos distintos: do Porto de Ribeira, moi preto de Benboa Corrubedo, ou do Porto Deportivo de Pedras Negras, en San Vicente do Mar (O Grove); ambos constituíntes da boca de entrada á ría. O punto de chegada é o porto fluvial do río Ulla en Padrón, e dende alí a ruta por auga compleméntase cun itinerario terrestre seguindo o Camiño Portugués ata Santiago, onde un bo agasallo para os peregrinos é poder deleitarse co mellor da gastronomía galega en Benboa Compostela.

Ademais, o camiño por terra antes de chegar a Padrón ten dúas variantes principais: o Camiño Traslatio Norte, traxecto de 79 km de Ribeira a Santiago, e o Camiño Traslatio Sur, que se estende a través de 98 km dende Adro Vello (O Grove) ata Santiago de Compostela. Pero tamén cabe destacar outra alternativa de percorrido desta Ruta Xacobea… Na ría de Arousa, como é ben sabido, atópase a orixe de moitas figuras literarias destacadas da nosa terra, e por iso xurdiu a Guía Literaria da Ruta Xacobea do mar de Arousa e o río Ulla, que nos permite descubrir recunchos ligados á vida e obra de Valle-Incán, Rosalía de Castro, Camilo José Cela ou Castelao.

Diploma Traslatio Xacobea

Unha vez finalizada a ruta, a aquelas persoas que obtiveran todos os selos na súa Cartilla de Navegación da Traslatio, en cada un dos portos correspondentes, outorgaráselle o diploma Traslatio Xacobea, entregado polo Concello de Padrón. Nos portos de partida da ruta facilítase esta cartilla e, ademais do selo obtido nestes portos, o requisito é acadar, polo menos, outros dous: un na beira norte da ría ou do río (provincia da Coruña), e outro na beira sur (provincia de Pontevedra). Desta maneira, todo peregrino disporá da súa credencial por ter realizado a Ruta Traslatio.

O valor cultural desta Ruta Xacobea marítimo-fluvial móstranos, unha vez máis, a importancia do papel do mar na historia e cultura galegas, conxugando, neste caso, o patrimonio intanxible do Camiño de Santiago coa multitude de vilas vencelladas ao turismo mariñeiro ao longo de toda a ría de Arousa.

Aportacións, suxerencias, agradecementos…? Anímate a deixar un comentario neste artigo de Alba!

 

ALBA CAMPILLO Gomez

O meu nome é Alba e recentemente gradueime en Turismo e Ciencias Empresariais pola Universidade da Coruña.

Actualmente son guía turística nun museo, onde comecei compaxinando o final dos meus estudos e a realización dos meus traballos de fin de grao co labor de guía.

Son de A Coruña, pero a miña familia materna é do Barbanza, polo que sempre sentín un grande apego á cultura mariñeira, motivo polo cal nun dos mencionados traballos centreime en estudar o turismo mariñeiro desta zona, como unha maneira de dar visibilidade e poñer en valor este tipo de turismo tan arraigado á cultura marítima galega.

Suscríbete a listaxe «Todas as novas» do noso blogue para recibir as novidades en turismo mariñeiro no teu correo!

¡Non enviamos spam! Lee a nosa Política de Privacidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.