6 aloxamentos para amantes do mar na provincia da Coruña

Foto en portada: Hotel O Semáforo de Fisterra

Traduce el texto/Translate

Autor/a: Alba Campillo Gómez

A oferta aloxativa de Galicia é moi ampla e diversa, pero nesta publicación traémosvos unha proposta de establecementos de temática mariñeira por toda a provincia da Coruña. Ademais, neste artigo te indicamos de que Benboa te atopas mais preto para que a experiencia sexa totalmente con sabor a mar.

A CORUÑA

Comezando máis cara ao norte, atopámonos en Pontedeume co Hotel A Falúa, hotel de oito habitacións orientado ao mar e situado nunha casa mariñeira tradicional no centro desta vila. Trátase dun hotel de temática mariñeira con oferta de ocio de actividades relacionadas con este tipo de turismo e co turismo activo, polas inmediacións da Ría de Ares e das Fragas do Eume. Perfecto se estás a pasar uns días pola zona da Coruña, aproveitando para visitar o local de Benboa situado en pleno centro desta cidade.

Pontedeume. Foto: Raúl AB

Pasando do Golfo Ártabro á Costa da Morte, temos outra modalidade de aloxamento coa que mergullarnos no mundo mariñeiro: as Cabanas de Vendaval, campamento de
turismo de bungalows en Barizo, Malpica. Está composto por cinco cabanas de madeira de tipoloxía mariñeira nas que podes disfrutar dunha estancia de desconexión nesta comarca de Bergantiños, contando, ademais, cunha exposición de antigas ferramentas de carpintería de ribeira.

Foto As Cabanas de Vendaval

SANTIAGO

A continuación, descubrimos o Hotel La Marina, no camiño pola Costa de Morte en dirección sur, en concreto, no concello de Cee. Neste caso, o hotel conta con 32 habitacións ambientadas como camarotes e un espazo de divulgación enogastronómico, para poder vivir ao 100% a experiencia mariñeira desta zona de
Galicia.

Moi preto desta última estancia, chegamos ao fin do mundo, cun dos hoteis máis particulares e emblemáticos de Galicia: O Semáforo de Fisterra (foto en portada). Integrado no propio Faro de Fisterra, non conta só con servizo de aloxamento, composto por cinco habitacións únicas fronte ao mar galego, senón tamén cun restaurante, unha taberna mariñeira e ata un pequeno centro de interpretación. Poderás así disfrutar de primeira man da cultura marítima tan arraigada aquí, sen dúbida nun enclave inmellorable.

Estas dúas últimas opcións de aloxamento atópanse máis cerca de Benboa Compostela, de forma que se queres percorrer este tramo do Camiño de Santiago a Fisterra, tes así unha excelente opción gastronómica na capital xunto con dúas alternativas de aloxamento no final do itinerario.

CORRUBEDO

Xa ao ir descendendo cara ao remate da Costa da Morte, rumbo ás Rías Baixas, atopamos en Carnota o Hotel Faro de Lariño, outra estancia nun faro que xurdiu tras o éxito do de Fisterra. Os xerentes deste último puxeron en marcha estoutro aloxamento fareiro formado por nove habitacións, que inclúe tamén un centro de interpretación, unha taberna con produtos mariñeiros e unha tenda con artesanía local.

Faro de Lariño antes de ser reconvertido en hotel.

 

Concluímos esta ruta pola máis destacada oferta aloxativa mariñeira da provincia da Coruña co Hotel Porto de Muros Camiño Inglés. Este edificio, situado no casco
histórico da vila de Muros e a escasos metros do porto pesqueiro, dispón de 12
habitacións, parte delas con vistas ao mar. Ademais, na parte subterránea alberga unha biblioteca especializada na historia marítima de Muros.

Dende aquí, estamos máis preto de Benboa Corrubedo, onde poderíamos rematar o
percorrido mariñeiro pola costa da provincia coruñesa con gastronomía de proximidade das rías e mares de Galicia.

Aportacións, suxerencias, agradecementos…? Anímate a deixar un comentario neste artigo de Alba!

 

ALBA CAMPILLO Gomez

O meu nome é Alba e recentemente gradueime en Turismo e Ciencias Empresariais pola Universidade da Coruña.

Actualmente son guía turística nun museo, onde comecei compaxinando o final dos meus estudos e a realización dos meus traballos de fin de grao co labor de guía.

Son de A Coruña, pero a miña familia materna é do Barbanza, polo que sempre sentín un grande apego á cultura mariñeira, motivo polo cal nun dos mencionados traballos centreime en estudar o turismo mariñeiro desta zona, como unha maneira de dar visibilidade e poñer en valor este tipo de turismo tan arraigado á cultura marítima galega.

Suscríbete a listaxe «Todas as novas» do noso blogue para recibir as novidades en turismo mariñeiro no teu correo!

Quero recibir información da listaxe de:

¡Non enviamos spam! Lee a nosa Política de Privacidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.