O Peto Galego

O Peto Galego, unha app para aprender

A idea de O Peto Galego é enriquecer a nosa fala traéndonos á memoria termos galegos que non  adoitamos usar por preguiza, descoñecemento ou por telo costume de substituílos por castelanismos. Recuperar verbas esquecidas ou, de outras zonas de Galicia, fai crecer o idioma galego recobrando toda a súa identidade. Para coñecer mais sobre o proxecto nesta nova publicación do blogue imos falar coa creadora e  acougar así a nosa curiosidade.

 

Detrás de O Peto Galego

O Peto Galego é un proxecto de aplicación móbil que coñecemos grazas as redes sociais. Entrevistamos a Sonsoles Quintela Varela, a creadora da aplicación, enxeñeira informática nada na Coruña que vive e traballa en Alemaña.

Coñecemos a creadora e falamos con ela sobre a súa vida no estranxeiro

Moi bo día Sunes. Primeiramente, prefires que te chamemos así? de onde nace o teu alcume?

Ola, bo día! Como queirades! A verdade é que Sunes é o meu alcume nas redes, e só un par de amigos me chaman así. De feito, un deles foi o que me nomeou Sunes: de Sonsoles quedou con Soles e de aí medio traduciu ao inglés. Sunes. Fíxome tanta gracia que xa o levo empregando moitos anos.

Onde estudaches, cando remataches os teus estudos e por que tiveches que marchar fora? 

Pois estudei na FIC (Facultade de Informática da Coruña) Enxeñería Técnica en Informática de Xestión e despois de rematala, seguín a Enxeñería Informática. Rematei no 2010, despois de ter feito tamén un ano Erasmus no curso 2007/08 en Alemaña. Nese ano Erasmus visitara a cidade de Dresden e parecérame moi fermosa e viva, e ao rematar a carreira, eu aínda non comezara a procura de traballo e a miña parella estaba empezando a facelo. Como as perspectivas neses anos de crise non eran as mellores en España, a miña parella marchou a Dresden, e eu tamén marchei a buscar sorte. E… xa levamos máis de 12 anos en Dresden.

A que te adicas en Alemaña?

Adiqueime dez anos a desenvolver software industrial. Os primeiros anos estiven nun proxecto de probas de circuítos electrónicos, e máis adiante no eido da loxística, con sistemas de seguimento e trazabilidade de distintos tipos de produtos. Pero na pandemia decidín cambiar, e comecei a prepararme para traballar pola miña conta con aplicacións móbiles.

Que tal co idioma? Foi unha barreira? En que te expresas mais a miúdo en inglés ou en alemán?

O alemán non é unha lingua sinxela. Diría que sobre todo á hora de pronuncialo. Creo que cando nun lugar no que queres vivir ten a súa lingua, hai que coñecela para poder coñecer ese lugar. Ao chegar a vivir a Alemaña despois do Erasmus foi a inmersión completa no idioma. Nese tempo si sentín barreiras porque aínda non me desenvolvía ben en alemán, e non todo o mundo fala inglés, ademais de que a xente desta rexión ten sotaque saxón, que non se asemella ao que se aprende nos cursos de idiomas. Pero despois duns anos conseguín poder falalo e comunicarme sen problemas. Aínda así, as barreiras aínda poden aparecer; a diferenza está en que xa se pode saír delas sen moita complicación. Na vida diaria o alemán é o que falo con case todo o mundo fóra da casa. O inglés anda algo enferruxado e queda para cando alguén non sabe alemán ou cando vou a algún sitio no que non coñezo o idioma.

 

O Peto Galego

 

Sobre o proxecto O Peto Galego

Como comezou a idea da app de O Peto galego? é unha especie de morriña? Estas ti soa programando, deseñando e reunindo o contido?

Levo moito tempo en grupos galegos en redes sociais sobre distintos temas. Alí dinme de conta de que moita xente compartía nos comentarios como dicía tal ou cal cousa na súa zona. Pareceume que estaría ben ter algunha fonte practica na que consultar ou compartir toda esa información. Así que cando decidín adicarme ao mundo das aplicacións móbiles, tiven a idea de facer unha aplicación en galego para a nosa lingua. Pensei nun dicionario colaborativo de galego no que todos podamos engadir o noso coñecemento, poñerlle localización, aprender dos demais, e recuperar palabras que xa se deixan de escoitar. Supoño que si é un algo de morriña. Da casa e dunha lingua que estivo ao meu redor pero que non fun quen de empregar acotío ata fai pouco. De feito esa sensación de que me faltaba algo levoume a ser neofalante, e falarlle e lerlle ao meu fillo en galego.

Estou soa, si. Tiven unha idea e quixen facela miña de todo. Dende o deseño, ata a programación, o contido nas redes… Quizais porque me estou metendo nunha aventura da que quero coñecer eu todo de primeira man. Seguramente segundo vaia medrando, terei que mirar de ter axuda.

Entendo que facer isto é unha meirande labor de documentación, cales son algunhas das túas fontes?

Adico parte do tempo a programar, e deixo sempre tempo da semana para preparar as palabras para o Peto.  No futuro a idea non é achegar eu todo o contido, senón que os usuarios do Peto engadan as súas palabras e as compartan cos demais na aplicación.

As miñas fontes son a familia cando falamos por teléfono, que lles vou preguntando “E isto ti como o dicías?”. Tamén a xente nas redes sociais pásanme palabras, e outras sácoas de libros en galego que teño ou son palabras que me interesan porque por exemplo só sei dicilas en castelán. Cando xa teño a palabra, busco pola rede. Comezo polos dicionarios (o da RAG, no Estraviz,  dicionarios e “busca termos” das Universidades galegas, dicionarios antigos…), e moitas veces faime falla algo máis de contexto e paso aos recursos en galego que podo atopar (Galipedia, webs de contido galego, páxinas das redes sociais… Un pouco de todo). Hai que dicir que ás veces dá mágoa non atopar máis información na nosa lingua.

Aínda que xa se poden atopar verbas mediante a web,  canto tempo falta para poder descárgala no móbil? cales son as diferencias coa web e en que consiste o seu funcionamento?

A aplicación do Peto é un dicionario colaborativo no que os usuarios engaden as palabras. Cada palabra ten unha definición, opcionalmente foto e a localización de onde se emprega esa palabra. Os demais usuarios poden valorar as palabras engadidas polos demais usuarios, engadir sinónimos delas, ou outros significados, e tamén a localización de onde lle din así. A idea é recoller a diversidade da nosa lingua entre todos.

A web acaba de saír e contén todo o que está nas redes (Facebook, Instagram, Twitter, Pinterest). Abrín as redes sociais para o Peto coa idea de compilar os primeiros contidos para a aplicación e dar a coñecer o proxecto. Seguirei engadindo máis palabras na web, e ademais haberá información sobre a aplicación. O seguinte paso unha vez que saia a aplicación, será que na web os usuarios podan tamén compartir e consultar termos. A aplicación estará dispoñible cunha versión de proba antes de finais deste ano. Ata agora foi todo algo máis amodo do planeado por temas persoais, así que estou desexando vela publicada.

Unhas das cousas que nos chamou a atención foron as ilustracións que acompañan as palabras, tamén son creación túa?

Cando se me ocorreu subir palabras nas redes, pensei que podía tentar facer unha imaxe que reflectise o significado de cada palabra. Así que cando escollo unha palabra, penso en como explicalas nunha imaxe. E como tiña unha tableta de debuxo na casa, pois púxenme a debuxar.

Ás veces debuxo o que eu teño en mente, e outras busco imaxes e úsoas de base para pintar por enriba e compoñer o que necesito. Diría que o formato é pouco “ortodoxo” pola súa estética, pero creo que case sempre acada o obxectivo de axudar a recoñecer unha palabra.

 

O Peto Galego

Como podes colaborar e axudar a medrar O Peto Galego

Todo isto é un gran traballo, como se financia(rá)? Como se pode colaborar coa idea?

O financiamento polo momento ven só do meu peto. Aínda que tamén se pode apoiar o proxecto cunha pequena achega en https://www.buymeacoffee.com/petogalego. No futuro na aplicación haberá un sistema de subscricións, e supoño que publicidade na web e na aplicación para non subscritores, mentres non teña outras fontes de financiamento.

Ademais disto, moi  importante para O Peto Galego é que a xente participe. Poden enviar as súas palabras, ou dúbidas, ou indicar en que localización empregan unha palabra no Facebook, Instagram, Twitter ou Pinterest, ou no formulario da web, ou por correo electrónico peto@petogalego.com

 

E así rematamos de escudriñar este interesante proxecto. Como nos gusta ser aproveitados pensamos antes en preguntarlle a Sunes sobre un nome orixinal para a nosa nova sección de cociña do blogue e, entre moitas ideas, nos deu a de “Faragullas na cociña”. Sunes nos explica que “as faragullas son os anaquiños pequenos nos que se desfai o pan” o que nos pareceu perfecto para a nova sección de trucos e consellos de estilo live hacks que pretendemos crear. O termo faragullas escoitase nas zonas de Vilalba/ Fonsagrada /Santiago/ Miño/ en Cedeira/ Palas/ no Deza/ Nogueira de Ramuín-Ourense/ Macizo Central – Ourense.

 

Se queres coñecer mais proxectos como este que aportan a nosa comunidade subscríbete a “Todas as novas” do blogue!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *