Foto portada: Sechini en Flickr (Nasas en el puerto de Ribeira)
Traduce el texto/ Translate
Autor/a: Rafael Bañón Díaz
A pesca, xunto coa caza, constitúe a actividade máis antiga empregada polo home na consecución de alimento. A excepción do marisqueo e o uso do arpón, as primeiras trampas foron probablemente o método máis primitivo de pesca, aproveitando o fluxo da auga causado polos movementos das mareas e os cambios nos niveis dos lagos e ríos. A necesidade de crear un tipo de trampas móbiles, que se puidesen transportar e desprazar con facilidade deu orixe seguramente ás primeiras nasas.
Estructura das nasas de pesca
A nasa defínese como unha arte de pesca pasiva que permite entrar a presa pero dificulta a súa saída. Empréganse tradicionalmente para a captura de peixes, crustáceos e moluscos cefalópodos. As nasas clasifícanse dentro das artes de trampa, xunto con outras como as almadrabas e os voitiróns.
Constan as nasas de pesca basicamente dun armazón ou esqueleto, que é o que lle dá forma, e un revestimento que recubre o armazón. Ademais, nas nasas modernas, podemos distinguir outras estruturas secundarias como a entrada ou embude, a través do cal as presas son conducidas ao interior da nasa á saída ou xareta, por onde se baleira a nasa, extraendo a captura do seu interior e o porta-isco, que leva o isco dentro da nasa.
Os aparellos de pesca que nos ocupan vanse denominar segundo a especie obxectivo á que se dirixe, así temos por exemplo a nasa de lagosta, nasa de nécora-camarón, nasa de polbo e nasa para peixes ou nasa fanequeira.
Nasa nécora-camarón
Nasa fanequeira
Evolución das nasas de pesca
Estas artes de pesca foron evolucionando e adaptándose aos intereses comerciais e alimenticios de cada época.
A nasa de choco, utilizada nos fondos das rías, son nasas moi voluminosas, de madeira ou ferro, que contrariamente ao resto de nasas, non utiliza un isco de carácter alimenticio, senón un reclamo reprodutivo, que busca a necesidade vital de reproducirse do choco. En Galicia o método máis estendido é a presenza de ramas de piñeiro ou de loureiro dentro das nasas para que o choco faga a posta e, en ocasións, un choco femia vivo.
Nasa de choco de Ortigueira, o único sitio onde ten esta forma e tamaño.
Pola contra, a nasa de anguía era unha nasa de pequenas dimensión, actualmente está en desuso, foi probablemente a máis primitiva, utilizada xa nos ríos antes do desprazamento das poboacións primitivas cara á costa. Cara a finais do século XX, as nasas de anguía substituíronse por outra arte de menor custo, ao non necesitar isco, o voitirón.
Outra nasa en desuso é a nasa de lagosta. Está documentada en Galicia dende polo menos o século XVIII. Nalgúns portos do norte de Galicia o seu uso comezou co roubo das nasas dos barcos franceses que faenaban naquela época nas nosas costas, dado o alto valor que alcanzaba a lagosta nos mercados franceses.
Nasa de camarón ou anguía
Nasa de langosta
Durante o século XX, coa chegada do desenvolvemento económico e o estado de benestar desenvolvéronse as pesqueiras con nasas para marisco. A primeira pesqueira de importancia que nace neste século é a de dous crustáceos: a nécora (Necora puber) e o camarón (Palaemon serratus), cuxo orixe o podemos datar entre 1940-50 aproximadamente.
Cara ao 1971 aproximadamente na area de Fisterra e dado que nas capturas dás nasas de nécora-camarón entraban sempre algún polbo, nace a nasa de polbo, cunhas lixeiras modificacións dá nasa de nécora-camarón, principalmente un alongamento do embude de entrada para dificultar que ou polbo fuxira e unha bolsa de porta iscos no seu interior que dificulta o acceso ao isco e alonga por tanto a estancia do polbo dentro da nasa.
Por último, a nasa de centola estivo prohibida durante moitos anos, salvo uns cantos barcos dá Illa de Arousa que o tiñan permitido desde tempos antigos no seu permiso de explotación. A nasa de centola foi engadida no Decreto de Artes de Pesca Permitidas para Galicia do 2011.
Nasa de centola
Nasa de polbo
Actualmente, as nasas son artes de pesca amplamente utilizadas pola flota artesanal galega. As nasas teñen un poder de pesca moderado e teñen a vantaxe sobre outras artes que as capturas mantéñense vivas e poden ser devoltas ao mar polo que os descartes e a mortalidade das especies non comerciais é moi baixo.
"Peixes de galicia"
Rafael Bañón Díaz é biólogo do Grupo de Estudo do Medio Mariño-GEMM.
Podes seguilo na conta de facebook Peixes de Galicia onde a miúdo comparte curiosidades sobre ictioloxía e bioloxía mariña de Galicia e cercanías.