Autor/a: Alba Campillo Gómez
O mundo mariñeiro de Galicia dáse a coñecer e divúlgase a través de diversas formas, pero a labor que exercen os museos e exposicións dedicadas a isto é fundamental.
Un dos máis destacados museos marítimos da nosa terra é o Museo do Mar de Rianxo, situado nesta vila mariñeira da Ría de Arousa. Este museo, orientado á etnografía e antropoloxía, é o eixo principal do proxecto “Rianxo, o mar feito tradición” impulsado polo concello, de forma que nos amosa a vinculación de Rianxo coa cultura mariñeira e co mar. Concretamente, sitúase na Praza de Castelao, 13, na chamada Casa do Coxo, coñecida con este nome polo seu antigo propietario: un peculiar boticario de comezos do século pasado. Trátase dun edificio no centro da vila dividido en tres andares, nos cales pódese aprender dende como se constrúen as embarcacións tradicionais a como se desenvolve a labor extractiva dos oficios do mar.
SALAS DO MUSEO
No primeiro dos andares atopamos maquetas de embarcacións tradicionais, así como información sobre a súa construción e funcionamento e tamén unha pequena biblioteca que alberga material de lectura vinculado co mar.
Na planta baixa ten unha exposición relativa á relación dos rianxeiros co mar e a pesca. Xa chegando ao soto, este museo alberga un obradoiro de carpintería de ribeira, no
que podemos ver as ferramentas do carpinteiro, mostras de madeiras ou unha rede de pesca en construción.
Museo do Mar de Rianxo. Horario: de luns a venres de 08:00 a 15:00 e domingos de 09:00 a 15:00
VISITAS
O museo pode visitarse de maneira independente de luns a venres de 08:00 a 15:00 e domingos de 09:00 a 15:00, pero tamén en grupos guiados a través de reserva previa por teléfono (+34 981 860 808) ou correo electrónico (museodomar@concelloderianxo.gal).
OUTROS MUSEOS
Pero o Museo do Mar non é a única alternativa museística ao redor do mar en Rianxo. Se queres mergullarte por completo na súa tradición mariñeira, o mencionado proxecto promovido polo concello rianxeiro, “Rianxo, o mar feito tradición”, inclúe outros museos vinculados.
Na Aula Activa do Mar conciénciase ao visitante da importancia de respectar o medio mariño e de empregalo de maneira sostible, ademais de dar a coñecer a cultura mariñeira. Esta aula é creación de alumnos e alumnas da Escola Obradoiro Xeiteira, en concreto, da especialidade de actividades náutico-turísticas. Da mesma forma que o Museo do Mar, tamén acolle visitas guiadas pero, ademais, distintos talleres e obradoiros ao longo do ano.
Aínda que non tan relacionados co mar, a Casa Museo de Manuel Antonio e o Museo de Nós Nuco constitúen tamén parte desde proxecto.
Na Casa Museo de Manuel Antonio coñécense diversos aspectos da vida do autor, e no Museo de Nós Nuco o artista local e carpinteiro de ribeira xubilado Robustiano Losada, chamado “Nuco”, expón decenas de obras escultóricas ligadas á cultura e sociedade de Rianxo.
Aula Activa do Mar de Rianxo.
Casa-Museo Manuel Antonio. Rianxo.
Retratos de Nuco Losada Romero, Escultor posando coa obra. Museo de Escultura de Nós Nuco. Rianxo.
Finalizada esta ruta cultural pola historia marítima rianxeira, estades preto de Benboa Corrubedo, un dos locais Benboa nos que deleitarse con esta cociña típica atlántica con produtos sostibles e locais.
Aportacións, suxerencias, agradecementos…? Anímate a deixar un comentario neste artigo de Alba!
ALBA CAMPILLO Gomez
O meu nome é Alba e recentemente gradueime en Turismo e Ciencias Empresariais pola Universidade da Coruña.
Actualmente son guía turística nun museo, onde comecei compaxinando o final dos meus estudos e a realización dos meus traballos de fin de grao co labor de guía.
Son de A Coruña, pero a miña familia materna é do Barbanza, polo que sempre sentín un grande apego á cultura mariñeira, motivo polo cal nun dos mencionados traballos centreime en estudar o turismo mariñeiro desta zona, como unha maneira de dar visibilidade e poñer en valor este tipo de turismo tan arraigado á cultura marítima galega.
Suscríbete a listaxe «Todas as novas» do noso blogue para recibir as novidades en turismo mariñeiro no teu correo!