Foto portada: Dorna_ en Flirck
Traduce esta página/ Translate
Autor/a: Alba Campillo Gómez
A nosa comunidade é coñecida pola inmensa variedade de festividades que nela se
celebran ao longo de todo o ano. As festas galegas concéntranse especialmente no
verán, e moitas delas teñen como fío condutor un dos elementos vertebradores da
cultura da nosa terra: o mar.
Festa da Dorna de Ribeira
Unha das festas relacionadas co mar que se celebra cada ano na provincia da Coruña é a Festa da Dorna, no municipio de Ribeira, preto do primeiro dos locais de Benboa: Benboa Corrubedo. Esta festa, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia en 2005, leva festexándose máis de setenta anos neste concello do Barbanza.
Orixe da festividade
A súa orixe remóntase a 1948, cando un grupo de amigos decidiron recrear unha
pequena maqueta dunha dorna e celebrar a súa botadura, con motivo do sorteo dunha destas embarcacións tradicionais para recadar cartos para a Festa do Virxe do Carme, patroa do mar. Estes amigos simularon que a dorna rifada lles tocara a eles, aínda que non fora certo, e para organizar a celebración deste feito crearon a Real e Ilustre Cofradía da Dorna, asociación cultural que aínda hoxe en día é a encargada de desenvolver as actividades que compoñen esta festa. Desta forma, o acto que comezou como unha broma entre algúns veciños de Ribeira segue a ter lugar cada 24 de xullo, véspera do día de Santiago Apóstolo.
Ons, dorna, anos 60. Foto Staffan Mörling.
Actividades dorneiras
O humor e a retranca galega son protagonistas nesta festa, na que cada unha das peñas dorneiras, formadas por agrupacións de xente da zona, colaboran e participan nalgunha das actividades do festexo. Hoxe en día son decenas de peñas con miles de integrantes.
Dende o nacemento da Festa da Dorna ata a creación das peñas dorneiras en 1988, as principais actividades foron o “Baile da Dorna”; os “Exames de patróns”, unha chistosa maneira de dar entrada na Real e Ilustre Cofradía da Dorna a novos integrantes a través de sobornos ao tribunal; ou o “Top Secret”, actividade que parodia eventos da actualidade política e social do momento.
Todas estas tradicionais actividades seguen a realizarse cada ano, pero nas últimas décadas xurdiron outras como o “Sertame itinerante de cansión de tasca”, no que as peñas recitan cantigas nos bares; a carreira e exposición de carrilanas “Jran Prix de carrilanas”; ou o “Jran Premio Ícaro de voo sen motor”, divertido encontro no que os peñeiros e peñeiras saltan dende o porto ao mar empregando enxeñosos aparellos. Aínda que os festexos duran varios días, o 24 de xullo ten lugar o evento máis destacado da festa: “Rejata de embarcasións feitas á machada e propulsadas a pan de millo. Jran Premio Cutre Sark”, na praia de Coroso, acompañada de gastronomía e música.
Para rematar esta celebración á que asisten milleiros de persoas cada ano, organízase un concerto de fin de festa no Paseo do Malecón de Ribeira, que conclúe coa interpretación do himno dorneiro “24 de xullo”.
“Jran Premio Ícaro de voo sen motor” Foto: Dorna_ en Flirck
Forsa á Dorna! Vento en popa!
Con jalerna ou en calmada
que non se sabe no mundo
doutra festa máis rachada.
Forsa ás peñas dorneiras,
a mellor tripulasión
esparando as “pañoletas”
ao son do acordeón.
Ademais, todo o programa de actividades e eventos da festa se recolle no Caderno de Bitácora, coa particularidade de estar escrito coa gheada, seseo e cheísmo típicos do
Barbanza. A Festa da Dorna é, por tanto, unha representación ideal da cultura marítima e mariñeira da nosa terra, moi arraigada xa na poboación galega e á que cada vez acode xente de máis sitios, polo que non podes perder a oportunidade de desfrutar desta festa popular se visitas Ribeira no verán.
Aportacións, suxerencias, agradecementos…? Anímate a deixar un comentario neste artigo de Alba!
ALBA CAMPILLO Gomez
O meu nome é Alba e recentemente gradueime en Turismo e Ciencias Empresariais pola Universidade da Coruña.
Actualmente son guía turística nun museo, onde comecei compaxinando o final dos meus estudos e a realización dos meus traballos de fin de grao co labor de guía.
Son de A Coruña, pero a miña familia materna é do Barbanza, polo que sempre sentín un grande apego á cultura mariñeira, motivo polo cal nun dos mencionados traballos centreime en estudar o turismo mariñeiro desta zona, como unha maneira de dar visibilidade e poñer en valor este tipo de turismo tan arraigado á cultura marítima galega.
Suscríbete a listaxe “Todas as novas” do noso blogue para recibir as novidades en turismo mariñeiro no teu correo!