Autor/a: Alba Campillo Gómez
Traduce esta página/Translate this web
Galicia destaca como destino de turismo náutico e mariñeiro a nivel nacional e, en concreto, A Coruña, cidade aberta ao océano atlántico e bañada tamén polas augas da ría, é un dos principais destinos deste tipo de turismo na comunidade.
A CIDADE DO MAR
A historia pesqueira da Coruña ven xa de moitos séculos atrás, como amosa a orixe do barrio da peixaría, un dos barrios máis céntricos e transitados da urbe na actualidade, que naceu como fogar dos mariñeiros e pescadores que vivían aquí separados por unha muralla do resto da vila.
Hoxe en día, a vinculación da cidade co mar segue presente tanto no ámbito comercial, como no deportivo e de ocio. É por iso que nesta publicación presentamos algunhas experiencias acuáticas que podes realizar na túa viaxe á Coruña.
Dársena da Coruña
ACTIVIDADES PARA O BO TEMPO
Dende a dársena da Marina, preto de Porta Real, cada verán sae unha lancha turística que percorre a ría da Coruña en torno a seis veces ao día. A través desta experiencia que Cruceros Marítimos Fernández Cabana leva ofrecendo décadas, pódese apreciar a beleza da cidade vista dende o mar, así como a costa de Oleiros, municipio próximo.
Non pode faltar, por outro lado, a ampla oferta de deportes náuticos que realizar tanto no mar como na ría coruñesa. Existen diferentes cursos de vela lixeira ou de vela de cruceiro, ofrecidos polo Real Club Náutico da Coruña, ou se prefires unha única sesión de tres horas de bautismo de mar na modalidade de vela lixeira, é posible facelo con Marina Coruña.
Ademais, por parte do concello, púxose en marcha este mesmo ano 2021 o proxecto “Coruña no mar”, para darlle valor á cultura marítima da Coruña dende o punto de vista do ocio náutico. Así, ofrecéronse centos de prazas gratuítas para multitude de deportes acuáticos, e tralo éxito alcanzado, esta iniciativa tense xa en mente para continuar no futuro.
Foto Instagram @rcncoruna
ACTIVIDADES TODO O ANO
Surf
Non te preocupes se visitas Coruña fóra da época estival e tamén queres vivir algunha destas experiencias. Preto da cidade, en Santa Cristina, Bitácora Paddle Surf ofréceche esta actividade acuática durante todo o ano. Así mesmo, escolas como After Surf ou Prado Surf ofertan clases de surf en Bastiagueiro, a tan só 10 minutos da cidade; aínda que se prefires quedarte na Coruña, Base Surf Camp dáche a oportunidade de surfear na praia do Orzán, en pleno centro urbano.
Buceo
Tamén podes realizar bautismos de mergullo con Buceo Galicia, Deep Team ou Nauga, ou percorridos en moto de auga pola costa da Coruña e polas rías próximas con Motos de Agua Coruña, sen necesidade de ter experiencia previa nin titulación.
Foto facebook @motosdeaguacorunaaym
En familia ou con amigos
Un tipo de experiencias náuticas un pouco diferentes son as que ofrece Altavela, con excursións e rutas marítimas polas rías do Golfo Ártabro, para desfrutar en familia ou con amigos; se contactas con eles, poderás personalizar esta experiencia ao teu gusto.
Pero non só é posible percorrer este entorno por mar, senón que tamén pode facerse por terra! Unha das rutas de turismo mariñeiro e náutico que presenta Noroeste A Fondo, empresa de rutas turísticas en vehículos de nove prazas, transpórtate á esencia de Galicia a través dun itinerario por algunhas destas rías, praias, faros, portos…
Para continuar, incluímos outra forma de mergullarte no mundo mariño, visitando un dos Museos Científicos Coruñeses: o Aquarium Finisterrae. Mediante as catro salas de exposicións das que consta, na “Casa de los Peces”, como é coñecida entre a veciñanza, divúlgase coñecemento sobre o mar, as súas especies e o coidado de ambos. Esta é unha parada perfecta para todas as idades, pero especialmente se vas acompañado de nenos pequenos.
Foto: Altavela
Foto: Aquarium Finisterrae
Visita a lonxa
Na Coruña tamén se atopa un dos portos de pescado e marisco máis importantes de España e de Europa e, afortunadamente, é posible visitar a súa lonxa e vivir o fervor das poxas en vivo e en directo. Estas visitas están dispoñibles para grupos, reservando previamente a través do teléfono ou correo electrónico da lonxa. Aínda que aquí non esteas en contacto directo co mar, podes experimentar o funcionamento do mercado dos mellores produtos que se obteñen del, o cal é unha experiencia de turismo mariñeiro por excelencia.
Foto: Lonxa de A Coruña
Postdata bonus:
Para picar algo de mar: Benboa Coruña
No local Benboa, situado na mitica rúa Galera de A Coruña, poderás gozar do mellor do noso mar en bocadiños salgados elaborados co produto fresco da nosa ría. Benboa Coruña ofrece integramente unha carta orixinal con propostas tradicionais reformuladas para quen busque rematar este tour con unha experiencia gastronómica totalmente mariñeira.
Benboa Coruña Rúa Galera, 15 15003 A Coruña www.benboa.com/coruna
Aportacións, suxerencias, agradecementos…? Anímate a deixar un comentario neste artigo de Alba!
ALBA CAMPILLO Gomez
O meu nome é Alba e recentemente gradueime en Turismo e Ciencias Empresariais pola Universidade da Coruña.
Actualmente son guía turística nun museo, onde comecei compaxinando o final dos meus estudos e a realización dos meus traballos de fin de grao co labor de guía.
Son de A Coruña, pero a miña familia materna é do Barbanza, polo que sempre sentín un grande apego á cultura mariñeira, motivo polo cal nun dos mencionados traballos centreime en estudar o turismo mariñeiro desta zona, como unha maneira de dar visibilidade e poñer en valor este tipo de turismo tan arraigado á cultura marítima galega.
Suscríbete a listaxe “Todas as novas” do noso blogue para recibir as novidades en turismo mariñeiro no teu correo!