Traduce el texto
Hoxe temos o pracer de entrevistar a Sandra, a cara visible do proxecto Nosa Granxiña que se atopa en San Sadurniño na provincia da Coruña. Coñecémonos e seguímonos polas redes sociais e o seu perfil destaca pola tenrura coa que coida aos animais da súa granxa e como nos amosa en instagram o traballo que fai nela no día a día.
Entrevistador: Comezaches o proxecto dende cero ou por legado familiar?
Sandra: Primeiro que nada, quero darvos as gracias por esta entrevista e as palabras tan bonitas que me regalades, e sobre todo por valorar o meu traballo e querer compartir un pouquiño do noso proxecto co mundo.
Comezamos este proxecto dende cero, as nosas familias nunca adicáronse ao campo polo que a nosa decisión de levar este estilo de vida chocou bastante a todos.
E: Estamos encantados de coñecer proxectos como o voso así que é un pracer que aceptárades esta pequena entrevista. Canto tempo levades coa granxa?
S: Mudámonos ao campo fai xa dous anos, pero o proxecto e o ideal da Nosa Granxiña aínda non ten un ano de vida, tivemos un período grande de reflexión ate que decidimos que queríamos que este fose o noso futuro e nese preciso intre é cando naceu en si a Granxiña e todo o que acarrexa.
E: Por que decidiches comezar neste sector e que vinculación tendes coa aldea onde se atopa a granxiña?
S: Moitos amigos que nos coñecen dende fai anos fannos a mesma pregunta! Ambos tiñamos moi claro que queriamos vivir na aldea e adicarnos de algunha maneira a ela pero non foi ata a pandemia que demos o salto de fe de intentar converter isto no noso traballo e no noso futuro. Tomamos a decisión mentres eu remataba o meu máster, así que aparquei un pouco o que nun primeiro momento sería a miña saída laboral para sacar a flote este soño. Tivemos a sorte de poder vivir en San Sadurniño xa que a familia de Jose, o meu marido e o outro membro da Nosa Granxiña, son de aquí.
E: Cal é a vosa filosofía?
S: Gústame moitísimo esa pregunta. Súelo resumir sempre a resposta dicindo que baséase no respecto; respecto ao noso entorno, utilizando técnicas de traballo que non danen o noso ecosistema autóctono; respecto aos animais, dándolles un trato agarimoso, cos mellores coidados e en libertade, e respecto tamén á tradición, valorando a forma ancestral de facer as cousas, con traballo, tempo e esforzo, sempre digo que traballamos como os nosos avós, con paciencia e paixón pero ca mentalidade moderna de dous millenials. [ri]
E: Que tipo de animais criades? Que alimentación reciben? Tamén cultivades a horta? Cal é o propósito?
S: Como aínda estamos comezando vamos pouco a pouco. Actualmente criamos galiñas, polos, coellos, ovellas, cabras e patos, aínda que nun futuro gustaríanos introducirnos no mundo das vacas porque é un soño para ambos; sempre intentamos que todos os nosos animais sexan de raza autóctona como forma de preservar a nosa identidade e valor cultural, aínda que non sempre nos é posible. Todos os animais que temos na Granxiña aliméntanse do campo, fan pastoreo durante todo o día ceibos e ás noites, para gardalos, dámoslles cereais coma millo, salvado ou herba seca. Tamén cultivamos a terra, aínda que eu son un pouco lamentable con iso e quédame moito que aprender…de momento a nosa horta é para autoconsumo propio e para os nosos animais pero a idea e poder aumentar as producións para poder achegar o campo á xente que non ten acceso a él.
E: Escoitamos moito o de “voltar o rural” a esa España valeira… pero se é inviable a xente non apostará nunca pola repoboación do rural. Cales son os principais impedimentos que se atopan as granxas pequenas para subsistir?
S: A falta de apoio e recursos, ese é sen dúbida o maior dos impedimentos, un dos maiores problemas que atopámonos ao comezar este estilo de vida era a falta de información e de axuda para a xente moza. Falando dende a miña experiencia, se realmente se busca “revivir” o mundo rural debe comezarse por unha educación básica sobre o que é e as oportunidades que ofrece porque aínda hoxendía segue a existir o estigma xeneralizado do que é o rural, a xente que habita nel e a falta de prosperidade, e nada mais lonxe da realidade; por iso naceu tamén Nosa Granxiña, para amosar que se pode ser mozo, ter estudos, e vivir no rural, e que mellor forma de cambiar mentalidades que ensinándoo de primeira man.
E: No teu instagram mostras un anaco do teu día a día e parece un lugar de traballo idílico fronte a voráxine da cidade e o seu ritmo frenético, onde se aprende hoxe este oficio?
S: Na mellor das escolas, nas experiencias e historias dos maiores. Cando cheguei aquí podo xurar que non sabía plantar nin unha mísera berenxena, comprei todo ao revés, equivoqueime mil veces…e non foi ata que me atopei ca miña veciña Josefa que aprendín de verdade todo o que existe detrás dunha semente; a importancia de coidar a terra, o coñecemento dos ciclos lunares, o saber identificar os ventos…todo. Agora tamén intento ampliar os meus coñecementos e gardar todos esos aprendizaxes da xente maior que me rodea para que non queden no esquecemento e poidan nutrir ás xeracións vindeiras; é unha bágoa que non ensinen nas escolas estas cousas, ao fin e ao cabo o traballo dos/as agricultores/as e gandeiros/as e o que alimenta á poboación.
E: Estou de acordo contigo, ese coñecemento que non se aprende nas escolas e é fundamental para a vida, estase a perder e precisa de atención urxente. O traballo é fermoso pero coido que esgotador… Cales son as tarefas a facer nunha granxa? que é o mellor e o peor desde traballo? Cantas horas lle adicas no día?
S: As tarefas son moi variadas, mais ou menos atractivas e dependen moito do momento do ano no que se fagan; como rutina sempre está sacar aos animais a pastar, limpar cuadras, e limpar aos propios animais (cepillándoos ou facendo desparasitacións cotidianas) e sobre todo, vixíalos porque son demasiado argalleiros.
Despois hai traballos mais específicos como preparar a terra para a plantación ou recoller froitos, asistir aos partos cando toca…un sinfín de tarefas onde un nunca se aburre!
O mellor sen dúbida e a recompensa que da, poder vivir ceibe, alimentarte do que ti mesmo crías e traballas, e que os animais son realmente agradecidos e o deixan ver no día a día cos seus actos, e o peor…que non se pode loitar contra a natureza, por
moito que o intentes non podes controlar todo e iso e o que mais costa…
Unha granxa é un traballo de 24 horas ao día e 7 días á semana e oxalá foran mais porque cando o traballo é unha paixón deixa de ser un traballo.
E: Cun chisco de humor na tua canle de instagram imos coñecendo a tódolos habitantes da granxiña, os seus nomes e a boa relación que manteñen entre eles. Din que os animais son moi disciplinados e que teñen os seus hábitos, como o levas? Podes contarnos algunha anécdota?
S: Teñen os seus horarios e mais vale que non te retrases 5 minutos un día porque miña naiciña…[ri] son os xefes mais esixentes que existen e non atenden a razóns.
As mais divas neste sentido son as cabras…un día tiven que ir a cidade ao médico e decidín deixalas no cortello ata que eu chegase, nos seus malvados plans estaba remodelar o cortello por completo, asaltar a cuadra da coella e romper 2 sacos de millo, e por se non fora suficiente en canto me viron chegar ¡xuro que me cruzaban a cara! Son as drama queens da Granxiña… Temos tantas historias con estes pequerrechos que
poderíamos encher 3 libros…
Como vimos nesta entrevista con Sandra hai cousas que non veñen nos libros e é moi difícil atopar quen de resposta a certas preguntas: Cando é o tempo de podar? Cando é o tempo de matar o porco e salgalo? Cando hai que trasegalo viño? Cando se fai a salmoira e se salgan as sardiñas?
Os modernos carniceiros deberian ter en conta o matar ós porcos a lúa e as mareas, deste xeito a carne non mengua e así o aconsella a sabiduría popular de pais a fillos en Galicia. Hoxe en día todo ten unha explicación científica e artificial coa que perdemos as técnicas ancentrais e naturais para a conservación dos produtos de consumo. Produtos que acaban no noso organismo, menos mal que en Galicia aínda sabemos facer ben as cousas i ese é parte do segredo da nosa lonxevidade.
Despois do escoitado na tv e prensa estes días sobre as macrogranxas en España é alentador coñecer proxectos ecolóxicos e sostibles como Nosa Granxiña onde a boa crianza e o benestar animal prima por enriba de todo.
Suscríbete ao noso blogue e coñece interesantes proxectos como este.
"nosa granxinha"
Ola chámome Sandra e son unha granxeira millenial.
Despois de rematar os meus estudos de Dereito, posgrao e máster, decidín seguir a miña paixón e converter o meu amor polo campo nun proxecto de futuro. Así naceu Nosa Granxiña de man de dous mozos namorados que tiñan un soño en común: recuperar a tradición da vida no campo e compartir co mundo unha perspectiva moderna.
A través da nosa conta de Instagram compartimos o noso día a día, aprendizaxes e tamén equivocacións co obxectivo de ensinar, dignificar e facer valer o traballo no rural.