Autor/a: Alba Campillo Gómez
O Barbanza é unha comarca galega situada no suroeste da provincia da Coruña, na parte coruñesa das Rías Baixas, polo que tamén é coñecida como Arousa Norte. Nos catro concellos que compoñen esta bisbarra (A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Ribeira) podemos atopar todo tipo de recursos e produtos turísticos, entre os cales destacan aqueles relacionados coa cultura mariñeira de Galicia: o chamado turismo mariñeiro. Neste artigo centrarémonos en destacar cinco lugares que non te podes perder se visitas O Barbanza.
1. CORRUBEDO
Como non podía ser doutra forma, a tradición pesqueira da zona plásmase na existencia
de diversas vilas mariñeiras con moito encanto. A primeira que destacaremos é Corrubedo, onde se atopa o primeiro dos locais de Benboa. Esta vila de gran tradición pesqueira está situada no concello de Ribeira, preto do parque natural do complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, un dos tesouros naturais máis prezados da provincia. Ao outro lado de Corrubedo atopamos o seu faro, que dende o século XIX protexe a entrada á ría de Arousa dende a súa unión co impetuoso océano Atlántico, sendo o punto máis ao oeste da península do Barbanza.
O faro de Corrubedo é unha imaxe das mais representativas da vila mariñeira.
2. PALMEIRA
Seguindo a liña da costa cara ao interior da ría, atopámonos con Palmeira, outro enclave cuxa identidade vira en torno ao mar e no que a industria conserveira deixou unha gran pegada. Polas rúas da vila pódese dar un agradable paseo apreciando as súas típicas casas mariñeiras, e no seu porto eríxese a estatua ao emigrante, mirando cara América, honrando a todos eses galegos que un día tiveron que tomar outro camiño para seguir coas súas vidas.
Antiga imaxe do porto de Palmeira antes da construcción do Eitón. Foto: Arqueoloxía Barbanza
3. POBRA DO CARAMIÑAL
Pasando ao seguinte destino, sobre A Pobra do Caramiñal podemos dicir que constitúe un dos principais recursos turísticos da comarca. Xurdiu como froito da unión entre as localidades de A Pobra do Deán e a Vila do Caramiñal, e aquí o sector conserveiro e da salgadura tivo tamén o seu impacto. Como vestixio dos comezos desta industria na zona, podemos pasear polo chamado Barrio dos Cataláns, preto tamén do Paseo do Areal, situado en pleno casco urbano da vila. Estando de paso por A Pobra tampouco podemos perdernos as espectaculares vistas sobre a ría que nos ofrece o miradoiro da Curota ou a experiencia acuática que é posible desfrutar nas piscinas naturais do río Pedras.
Antiga imaxe do Barrio dos Cataláns en A Pobra do Caramiñal. Foto: Arqueoloxía Barbanza
4. CABO DE CRUZ
Cabo de Cruz, no concello de Boiro, é outro lugar de visita obrigada se queres mergullarte na tradición mariñeira do Barbanza. Esta pequena vila presenta vinculación co mar xa dende a prehistoria, conserva ademais un dos peiraos máis antigos de toda a ría e vive na actualidade principalmente da acuicultura. Ademais desta importante identidade mariñeira, que se pode palpar ao percorrer as súas rúas, tamén destaca a relevancia do turismo náutico ligado ao seu porto deportivo e club náutico.
5. RIANXO
Finalmente, destacamos tamén a localidade de Rianxo, onde o marisqueo e a pesca conforman un dos pilares da súa economía. Aquí, a cultura mariñeira da comarca do Barbanza e da ría de Arousa recóllese no Museo do Mar de Rianxo e na Aula Activa do Mar, ambas pertencentes ao proxecto “Rianxo, o mar feito tradición” do concello, co fin de resaltar a identidade e patrimonio cultural marítimo. E para pechar este camiño pola ribeira norte da ría de Arousa, rematamos con outra vista panorámica da comarca imprescindible se visitas O Barbanza: o recentemente inaugurado miradoiro Pico da Muralla.
Foto do Miradoiro Pico da Muralla, Rianxo. Foto: barbanzarousa.gal
En definitiva, este percorrido dende a bravura do Atlántico, na boca da ría de Arousa, ata as calmadas augas da desembocadura do río Ulla permitirá mergullarse na esencia mariñeira do Barbanza.
Aportacións, suxerencias, agradecementos…? Anímate a deixar un comentario neste artigo de Alba!
ALBA CAMPILLO Gomez
O meu nome é Alba e recentemente gradueime en Turismo e Ciencias Empresariais pola Universidade da Coruña.
Actualmente son guía turística nun museo, onde comecei compaxinando o final dos meus estudos e a realización dos meus traballos de fin de grao co labor de guía.
Son de A Coruña, pero a miña familia materna é do Barbanza, polo que sempre sentín un grande apego á cultura mariñeira, motivo polo cal nun dos mencionados traballos centreime en estudar o turismo mariñeiro desta zona, como unha maneira de dar visibilidade e poñer en valor este tipo de turismo tan arraigado á cultura marítima galega.
Suscríbete a listaxe «Todas as novas» do noso blogue para recibir as novidades en turismo mariñeiro no teu correo!