camiño a orixe

A Orixe: O camiño de Santiago dende Corrubedo a Compostela.

Anímaste a facer esta ruta xacobea a Compostela?

Dificultade: Baixa Distancia: 130 km

Para quen aínda non o saiba fai un ano da presentación da ruta xacobea de 130 km que une Corrubedo con Compostela que foi promovida pola Asociación Amigos do Camiño de Santiago do Barbanza e Sar tras un intenso traballo e aos que debemos dar as grazas por poñela en valor.

Esta nova vía de peregrinación ten por nome “A Orixe” pois segundo contan as referencias históricas atopadas o defunto do apóstolo Santiago veu dende Terra Santa a Galicia arribando a nosa costa.

Á tradición oral sumase aos documentos pois xa conta a lenda da vila mariñeira de Corrubedo que no lugar das pedras do Río do mar, está marcada a pezoña do cabalo do apóstolo cando galopaba as nosas terras.

“As pegadas do camiño” exposición comisariada por Antonio Gónzalez Millán, director do museo Valle-Inclán, leva un ano exhibíndose en diferentes salas e museos da nosa bisbarra amosando os mais de 200 antecedentes que corroboran a existencia deste camiño esquecido. Ademais desta exposición itinerante, Gónzalez Millán xunto ao fotógrafo Adolfo Enríquez Calo son autores do libro que recolle os datos da investigación desta exposición: “As pegadas do Camiño de Santiago no Barbanza e Sar. A Orixe”.

Conforme nos trasladan dende a asociación a motivación principal deste camiño é que o peregrino, no seu imaxinario, faga esa viaxe espiritual que acompañou o corpo do apostolo a Compostela. Este é o único camiño que se fai cara o este e que busca o mar en todo o traxecto. Nos sinalan que non só se trata do camiño se non de recuperar a hospitalidade característica que o caracteriza e que tan fermosos recordos deixa en todo aquel que se anima a vivir esta experiencia. Non se trata só de un camiño de ida, se non tamén de volta a orixe.

As etapas

Respetando a tradición, e defendendo o patrimonio xacobeo, a asociación esta a instalar a sinalización do trazado con todo rigor posible. As cinco etapas que conforman esta vía pasan polos municipios de Ribeira, A Pobra, Boiro, Rianxo, Dodro e Padrón onde se une ao Camiño Portugués. A asociación ten pensado facer unha presentación oficial das etapas nas próximas datas e trataremos de informar do lugar e do día a través do noso blogue. Aínda que a agrupación non ten rematada a súa páxina web, nin conta con redes sociais, tamén ten pensado poñerse a traballar neste aspecto e manter toda a información, eventos e actividades recollidos no seu sitio web.

Documentacións do peregrino a Compostela

A credencial do peregrino

A credencial do peregrino é precisa para conseguir A Compostella (para todos aqueles que fan o camiño por pietatis causa) ou o certificado de benvida (para quen fai o camiño por outros motivos). Poderás conseguila nos puntos de acollida de peregrinos, a través das asociacións de amigos do camiño, nas oficiñas de turismo da mancomunidade ou na parroquia de Corrubedo.

Tamén podes descargar a app da credencial para o teu teléfono e, aínda que non substitúe a física, podes meter moitos mais selos que constatan tódolos lugares onde paras.

Tanto en Benboa Corrubedo como en Compostela selamos física e dixitalmente as vosas credenciais.

  • A Compostella, acreditación oficial da peregrinaxe a tumba de Santiago

Para evitar falsificacións determinouse facer un documento que acreditase oficialmente a peregrinaxe a Compostela no sentido relixioso. Este documento é a Compostella, un fermoso recordo para a experiencia vivida que se recolle na Oficiña de Atención o Peregrino da Catedral de Santiago.

A aparición dos vehículos a motor supuxo unha crise no sentido espiritual do camiño e motivouse facendo uso desta acreditación oficial que ratifica que os últimos 100 km foron feitos a pe ou a cabalo, ou así como os últimos 200 km en bicicleta. Para conseguila, hai que traer selada a credencial do peregrino polo menos dous veces ao día nas igrexas, albergues ou restaurantes que atopas no camiño a modo de certificar o teu paso.

  • Certificado de benvida

É un certificado que se lle entrega na Oficiña de Atención o Peregrino da Catedral de Santiago aos peregrinos que fan o camiño por motivos diferentes aos relixiosos ou espirituais. Tamén é preciso acreditar os 100 últimos km a pe ou a cabalo ou os 200 últimos km en bicicleta mediante a credencial do peregrino selada que así o ratifique.

Esto é todo o que debes saber, prepara un bo calzado, mete agua na mochila e a camiñar! Agardamos que te animes a vivir esta experiencia tan enriquecedora.

Ultreia et suseia! Bo camiño!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *